Comezan as campañas

Xa temos activo e definido o principal mecanismo de participación da Rede do Patrimonio Cultural: as campañas. Estas son o instrumento que nos permite crear accións concretas, asociar entidades entre si e acometer obxectivos de relevancia. Aquí tes unha descrición rápida do que son.

Para promover unha campaña, debes cubrir este formulario (descarga o pdf) e envialo a redepatrimonio@gmail.com. Non esquezas consultar o regulamento das campañas (podes descargalo neste pdf ou consultalo aquí abaixo).

Regulamento de votación das campañas

Despois de que unha campaña promovida por unha ou varias entidades presente a Comisión Coordinadora a documentación e avais requiridos no procedemento de funcionamento aprobado no seu día; a Comisión Coordinadora, como garante de todo o proceso, porá en funcionamento o Grupo de Control Electoral.

Constitución do Grupo de Control Electoral.

1. A Comisión Coordinadora elixirá por consenso un Grupo de Control Electoral estará constituído por tres membros da Comisión de Coordinación.

Procedemento de votación

1. A Comisión Coordinadora abrirá o prazo de votación telemática verificable na intranet fixando con claridade a data e hora de comezo e finalización da votación. (Exemplo día 5 ás 08.00 ata o día 20 ás 23.59)

2. O prazo de votación será de 15 días naturais rematando sempre nun luns que non sexa festivo.

3. O feito de votar a favor dunha campaña implicará non só a súa aprobación senón tamén a adhesión pública á mesma, figurando na lista de entidades adheridas na información oficial desa campaña na web da Rede do Patrimonio Cultural ou en calquera comunicación pública ao respecto. A implicación da entidade votante na campaña terá o grado que considere, dando aviso a entidade organizadora para o mellor desarrollo da mesma. (Difusión, participación, etc)

4. O grupo de Control Electoral verificará que o proceso poida realizarse de forma correcta.

5. Así mesmo, o Grupo de Control Electoral encargarase de levantar acta das entidades participantes, de definir a tipoloxía dos votos e de resolver os posibles casos de impugnacións de votos ou da votación no seu conxunto.

O voto

1. Cada entidade terá dereito a un voto que será efectuado na ferramenta creada na intranet da redepatrimonio.gal.

2. O voto sobre unha campaña poderá ser: a) a favor e adherido a campaña; b) en contra da campaña; c) nulo ou fóra de prazo. Se o voto non fose emitido dentro do prazo por problemas técnicos do sitio web, aceptarase ou voto posterior se quedase xustificada a súa validez mediante a presentación da captura de pantalla que o demostre ou se o erro técnico fose verificable polo Grupo de Control Electoral nos sistemas de redepatrimonio.gal. 3. Rematada a votación o Grupo de Control Electoral disporá de tres días hábiles para facer públicos os resultados e para publicar na intranet da Rede do Patrimonio Cultural a acta do proceso.

4. Unha campaña terá que acadar a maioría simple dos votos para ser aprobada.

5. Calquera petición de impugnación á votación deberá ser presentada nun prazo non superior aos tres días hábiles posteriores á publicación dos resultados.

6. Só as entidades que pertencen á RPC poderán presentar impugnacións. Estas deberán presentarse acompañadas dun informe que detalle razoadamente e con evidencias verificables, os motivos da impugnación.

7. A Comisión de Coordinación decidirá a resolución da impugnación nun prazo de sete días computados a partir da fin do prazo de presentación de impugnacións. Todas as impugnacións deberán ser contestadas de maneira razoada. A decisión final do Grupo de Control Electoral non será apelable. Cancelación dunha campaña antes da súa finalización

Tal e como aparece sinalado no Reglamento de Funcionamento aprobado pola RPC unha campaña poderá ser dada de baixa antes da súa finalización a proposta dunha entidade, avalada polo dez por cento dos membros da Rede, se se considera que a marca da Rede do Patrimonio Cultural está sendo usada de maneira desaxeitada.

1. Para que unha campaña sexa dada de baixa será precisa unha votación que deberá ser superada por maioría simple. O voto poderá ser a) a favor da cancelación; b) en contra da cancelación; c) nulo o fóra de prazo

2. Para iso a Comisión de Coordinación convocará novamente ao Grupo de Control Electoral designado para a votación inicial desa campaña e seguirá o procedemento de voto habitual dunha campaña: a/s entidade/s promotora/s do cese deberán explicar publicamente os motivos polos que consideran que esa campaña debe ser interrompida, a través dun informe publicado na web corporativa da RPC.

3. No caso de aprobarse o cese da campaña en cuestión, procederase á interrupción e clausura da mesma e ao seu arquivado inmediato, incorporando ao historial público da campaña toda a documentación alusiva á súa interrupción. Tamén se comunicará publicamente o cese da campaña ao abeiro da RPC.