Como funciona

A Rede do Patrimonio Cultural ten un mecanismo de funcionamento innovador, que tenta combinar a flexibilidade das organizacións horizontais que xurden ao abeiro de Internet coa funcionalidade dunha organización con vocación de intervir na sociedade e na administración. A Rede funciona a través de campañas con obxectivos moi concretos e definidos, promovidas por entidades membros e nas que colaboran de maneira voluntaria outras entidades, decidindo se apoian expresamente as campañas. Unha lixeira estrutura de coordinación regula, ademáis, as mecánicas de funcionamento interno, sobre todo técnicas, do sistema.

PROCEDEMENTO DE FUNCIONAMENTO:

  1. A Rede do Patrimonio Cultural é un servizo dixital orientado a conectar entidades deste ámbito e facilitar a realización de accións conxuntas. A súa acción fundaméntase nunha programación anual organizada en campañas.
  2. A lingua galega, parte fundamental do noso patrimonio cultural, é o idioma de traballo da RPC, e nela serán redactados todos os seus documentos e comunicados, coa posible excepción daqueles dirixidos ao exterior da Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. As campañas teñen obxectivos concretos, que deben poder ser medidos ou avaliados con facilidade, e que se dividen en accións.
    As campañas deben ser promovidas por cando menos unha entidade da Rede, avaladas por un dez por cento dos membros da rede e sometidas a votación.
  4. As campañas serán lideradas por aquelas entidades que as promoveron. Estas deben explicar con claridade en redepatrimonio.gal cales son as accións que van levar a cabo na campaña e deben facilitar a incorporación de novas persoas ou entidades da RPC aos equipos de traballo se así o desexan. Tamén deben informar ao resto da rede, a través da intranet, dos resultados de cada unha das accións.
  5. As entidades da rede deciden libremente se participan nunha campaña ou non. A lista de entidades que participan nunha campaña faise pública en redepatrimonio.gal canda o resto de documentación e información desa campaña.
  6. Os coordinadores da campaña desenvolverana ao abeiro da RPC, sempre e cando se ateñan ás accións detalladas para a campaña e, as súas declaracións públicas se refiran a esta, nos termos previamente aprobados pola rede.
  7. O tempo máximo de duración dunha campaña é dun ano (12 meses) desde o momento da súa aprobación.
  8. Unha campaña pode ser renovada anualmente ata que se consideren cumpridos os seus obxectivos. Esta renovación debe ser sometida a votación.
    Unha campaña pode ser dada de baixa antes da súa finalización a proposta dunha entidade, avalada polo dez por cento dos membros da Rede, se se considera que a marca da Rede do Patrimonio Cultural está sendo usada de maneira desaxeitada. Para ser dada de baixa é precisa unha votación. A baixa supón o arquivado inmediato da campaña e a incorporación do procedemento de baixa e os seus resultados á documentación histórica da campaña, así como a desautorización do uso da marca da Rede por parte dos organizadores da campaña.
  9. A xestión técnica da ferramenta dixital interna de comunicación e coordinación da rede lévase a cabo por unha comisión voluntaria formada por membros das entidades inscritas e designada “comisión de coordinación”. Debe ser ratificada en votación.

PROCEDEMENTO PARA TOMA EN COMÚN DE DECISIÓNS

  1. Cada entidade ten dereito a un voto dentro da Rede do Patrimonio Cultural.
  2. O conxunto de entidades da Rede de Patrimonio Cultural denomínase a efectos de votación coma o censo.
  3. As decisións da RPC apróbanse a través de votación telemática verificable na intranet, precisándose como norma xeral maioría simple dos votos para gañar a votación, agás en propostas de modificación deste documento, nas que será preciso acadar a metade máis un de votos do censo.
  4. O voto das entidades é público.
  5. As votacións deben realizarse nun prazo de quince días naturais a partir da proposta de votación.
  6. A comisión de coordinación exercerá como comisión de garantías do proceso de votación.

Podes consultar o documento completo de funcionamento da Rede do Patrimonio Cultural.