Que é

O Museo do Pobo Galego acolleu, o sábado 3 de xuño do 2017, a xuntanza inicial para a posta en marcha da Rede do Patrimonio Cultural (RPC). A convocatoria foi feita por un grupo de entidades e colectivos que levaban traballando na proposta varios meses, e que publicaron unha Declaración que resumía os motivos e os obxectivos básicos da rede. As entidades promotoras foron: Asociación Cultura do País, Asociación Ecoloxista Adega, Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Asociación Petón do Lobo, Colectivo a Rula, Gentalha do Pichel, Historiadegalicia.gal, Mariña Patrimonio, PatrimonioGalego.net, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA).Nesta xuntanza, e no traballo en rede posterior* que culminou co remate do periodo de alegacións o 14 de xuño de 2017 definiuse a configuración e obxectivos iniciais da RPC, ratificada finalmente polas entidades e constituída o 23 de xuño de 2017. Finalmente o documento foi aprobado por 69 entidades.

DEFINICIÓN E OBXECTIVOS:

  1. A Rede do Patrimonio Cultural entende o noso patrimonio cultural como un dos principais activos sociais, identitarios e económicos de Galicia e, polo tanto, un recurso estratéxico para a sociedade galega contemporánea que debe ser conservado e transmitido, nas mellores condicións, ás vindeiras xeracións.
  2. A RPC acolle a entidades que teñan por obxectivos a defensa e posta en valor do patrimonio cultural galego, tanto material como inmaterial. É un instrumento orientado a aqueles ámbitos territoriais ou sociopolíticos que resultan de difícil acceso para cada unha das entidades en particular.
  3. Poden participar na RPC as asociacións, colectivos e entidades civís interesadas na divulgación e protección do patrimonio cultural.
  4. A RPC é un instrumento para a visibilización das actividades e accións das entidades participantes alén dos seus círculos habituais de difusión.
  5. A RPC é tamén unha ferramenta de comunicación interna entre as entidades, que debe favorecer o intercambio de coñecemento e de experiencias entre todos os seus membros, especialmente naqueles eidos de coñecemento especializado (administrativo, xurídico, xestión, comunicación, etc.). Isto farase desde o núcleo dixital da rede: redepatrimonio.gal.
  6. A RPC sitúa a educación, tanto a formal, impartida nos centros educativos como a informal, destinada á sociedade en xeral, como un obxectivo central no seu desenvolvemento e nas súas accións.
  7. A RPC considerará o ámbito cultural da Eurorrexión e outras rexións limítrofes co territorio administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia como ámbitos de atención e incentivará a colaboración con axentes e entidades dos devanditos ámbitos.
  8. A RPC camiñará cara a constitución dunha entidade formalizada administrativamente, co obxectivo de participar en procesos públicos como mesas sectoriais, órganos consultivos ou similares.

Podes consultar o documento completo aquí.

*O proceso de posta en marcha da rede trala xuntanza foi levado a cabo por unha xestora técnica na que traballaron Manuel Gago Mariño, Jesús Rivera Armán e Miguel Vizoso Veiga, acompañados do apoio e consello das entidades promotoras.