Queres un 2021 bo? Segue as indicacións, na memoria pode estar o camiño

 

Nestes días nos que o ano comeza a desprender as súas derradeiras faíscas mentres se consome por completo, cómpre ollar ó camiño realizado e facer balance.

Abofé que cada un de nós, se nos esforzamos un pouco, somos quen de extraer algún que outro bo momento, mais debemos admitir que, en xeral, non foi un ano doado.

Ó longo dos diferentes anos que levamos vivido experimentamos sentimentos que todos desexaríamos non ter coñecido, coma a dor ou a tristeza pola perda ou a ausencia dalgún ser querido; o medo pola irrupción dalgunha enfermidade, sempre inesperada; a incerteza e a angustia pola chegada de cambios na nosa vida cotiá ou laboral, ás veces buscados, outras, non tanto, etc.

Sentimentos todos eles que vivíamos con maior ou menor intensidade e que podían chegar a afectarnos, ou non, pero que neste 2020 semella que se uniron todos da man dunha sensación que parecía esquecida por moitas xeracións: a renuncia. A renuncia á nosa liberdade, ós nosos proxectos, ós nosos propósitos, ás nosas rutinas, ós nosos soños, ás nosas esperanzas; en definitiva, a renuncia a seguir cunha vida que se viu paralizada e aprazada ata un día no que, a estas alturas, xa nin nos atrevemos a imaxinar.

Á falta de respostas científicas e para evitar que o 2021 teña a tentación de dar continuidade ás eivas do seu inmediato antecesor, non está demais lembrar certos costumes e tradicións que, ata non fai moito, contribuían a recibir con ilusión e confianza ós días que nos ofrece o ano que estamos a piques de comezar.

A máis relevante e, tal vez, a que máis preparación require é a do tizón de nadal. Esta tradición ten lugar a noite do 24 de decembro e consiste en botar ó lume un tronco, talleiro ou cepo dun tamaño medio ata que se consuma, máis ou menos, a metade da súa superficie, momento no que deberemos afastar o tizón das insaciables labaradas. Este proceso pódese facer só en noiteboa ou ó longo das sucesivas noites ata chegar á noitevella ou mesmo ata a noite de reis. En calquera caso, o importante é que, ó finalizar o proceso, o tizón non chegue a queimarse por completo, xa que canta máis madeira conserve, máis oportunidades teremos de empregalo como amuleto ó longo do ano. E é que, ante sospeitas de posibles meigallos, a chegada de fenómenos meteorolóxicos adversos ou a irrupción de enfermidades, malas novas, imprevistos, etc.; o tizón de nadal será devolto ó lume para darlles remedio e arredar así calquera mal do noso fogar. Ademais, as cinsas que se desprenden do tizón cada vez que se queima poden gardarse e empregarse como fertilizante ou como parte doutros rituais protectores. Por último, cómpre ter en conta que se o ano que vén o novo tizón de nadal se queima sobre os restos do tizón utilizado no ano que remata, os seus poderes veranse incrementados substancialmente.

Outros costumes requiren máis atención que preparativos. Así, se ben nunca se debe varrer a cociña pola noite, nestas datas de nadal debemos ter máis coidado ca nunca de non cometer este erro, xa que poderíamos varrer as almas dos defuntos da casa e, con elas, a sorte da familia, provocando un nefasto comezo de ano.

Neste sentido, tanto en noiteboa como en noitevella, é aconsellable non recoller a mesa despois de cear para non privar ás ánimas dos nosos defuntos do banquete e que vexan así que non foron esquecidos nunhas datas tan sinaladas.

Outro pequeno xesto que pode traer fertilidade e prosperidade ó noso fogar é o de colocar acivro en certas partes da casa, a poder ser nunha parte alta, xa que bicarse debaixo desta árbore en noiteboa asegura o amor e a descendencia para a parella que así o faga.

Os máis descoidados ou preguiceiros deberán ter en conta que, se nas vésperas de fin de ano aramos algunha terra, é moi importante pechar sempre o derradeiro rego, un costume que nos lembra que non é bo deixar asuntos a medio facer entre un ano e outro.

Por suposto non podemos esquecernos dos agasallos. Nas últimas décadas Papá Noel, Santa Claus ou os Reis Magos parece que se fixeron co monopolio dos soños e das ilusións dos máis cativos e dos non tan cativos. Con todo, a tradición galega conta con outros tres personaxes que, se seguimos certas precaucións, tamén nos tratarán de traer aqueles elementos que nos axudarán a levar mellor o novo ano que temos por diante.

Así, na noiteboa o Pandigueiro non dubidará en traer castañas e xoguetes tallados en madeira a aquelas nenas e nenos que chamen por el. Agasallos semellantes trae consigo o Apalpador na noitevella, acompañado dun desexo de fartura para toda a rapazada que nesa noite durma co bandullo cheo. Finalmente, non podemos esquecernos de Xan Fiz, un ilustre visitante que na derradeira noite do ano viaxa a Galicia dende a exótica cidade de Macao para compartir mesa con aquela familia que, acordándose del, deixara un sitio libre por se fixese acto de presenza, xesto que, como non podía ser doutra maneira, recompensará con gran xenerosidade.

Todas estas tradicións e crenzas constitúen unha pequena mostra do que nos ofrece un patrimonio inmaterial, tan rico, xeneroso e marabilloso, como a terra que o alberga e que, non só nos pode axudar a recibir con ilusión e esperanza ó 2021, senón tamén a fixarmos o fermoso propósito de coñecelo, coidalo e vivilo como o que realmente é: unha parte indisociable da nosa existencia.

Bo Nadal. Boas Festas. Brindamos por un 2021 defendendo sempre o noso!

Rede do Patrimonio, decembro 2020.